Tuesday 16 de April de 2024

As candidaturas de empresas que opten aos premios de responsbilidade social de Galicia 2022 poden presentarse ata o 5 de decembro


― A Xunta de Galicia quere distinguir o bo traballo das firmas en materia de responsabilidade social e conciliación

― Os galardóns diríxense a pequenas, medianas e grandes empresas que destaquen polas súas prácticas en materia laboral-económica, ambiental e de acción social

― Outorgarase unha mención ás iniciativas que promovan medidas para favorecer a corresponsabilidade, o desenvolvemento profesional da muller, o teletraballo ou a flexibilidade horaria, entre outras

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade mantén aberto o prazo para a recepción dos Premios de Responsabilidade Social de Galicia 2022, cos que se queren recoñecer as boas prácticas do tecido empresarial da comunidade en materia laboral, ambiental e social, así como de fomento da conciliación e a corresponsabilidade.

Empresas públicas ou privadas con domicilio social ou centros de traballo na comunidade poden presentarse a estes galardóns ata o próximo 5 de decembro. As bases da convocatoria veñen de ser publicadas no Diario Oficial de Galicia.

Os premios comprenden dúas modalidades: unha primeira, para recoñecer os avances que en materia de responsabilidade social empresarial teñan acadado pequenas, medianas e grandes empresas; e unha segunda, que outorgará mencións polo apoio á conciliación das firmas galegas.

O Premio á Responsabilidade Social Empresarial (RSE), distribuiranse por separado para pequenas empresas (de ata 49 persoas traballadoras), medianas (entre 50 e 249) e grandes (250 ou máis persoas empregadas).

O Goberno galego considerará as medidas implantadas polas empresas no ámbito laboral, tanto no eido da creación de emprego de calidade ou accións implementadas para reducir o absentismo, formar o persoal, ou promover a dixitalización.
Serán recoñecidas tamén as actuacións que permitan evitar desigualdades nas contornas de traballo como a existencia de plans de igualdade, igualdade retributiva, mulleres nos órganos de decisión, códigos éticos, entre outros. O compromiso medioambiental relacionado coa produción sustentable, co consumo ecoeficiente e aforro de enerxía ou mesmo de tratamento de residuos, serán recoñecidos tamén nesta convocatoria.
Coa idea de promover os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e estándares recoñecidos con carácter universal, a convocatoria porá en valor as actuacións promovidas no eido social pola empresa, para o recoñecemento da diversidade, a igualdade de oportunidades, o voluntariado e o compromiso coa contorna.
Os premios inclúen unha mención específica destinada ás iniciativas empresariais que propicien a conciliación laboral, familiar e persoal e a corresponsabilidade.

Tal e como recolle a convocatoria valoraranse como positivas a activación de políticas na empresa que permitan racionalizar os usos do tempo e que permitan o crecemento profesional das mulleres en áreas nas que estean infrarrepresentadas, así como a dotación de salas de repouso para embarazadas e/ou lactación ou a existencia de incentivos aos permisos de paternidade.

A Xunta de Galicia segue a poñer o foco na promoción da igualdade entre homes e mulleres no mundo da empresa e a prol da conciliación. O artellamento de mecanismos para flexibilizar o horario ou para o acceso ao teletraballo e permisos por coidados ou para dar cobertura ás vacacións escolares, constitúen algúns dos exemplos que se terán en conta para acadar este recoñecemento público.